domingo, 27 de outubro de 2019

SAMAÍN

Chegou o outono, e con el, o tempo das castañas, da vendimia, das longas noites de choiva, vento e frío. Pero tamén é o tempo do SAMAÍN, un tempo de tradicións e sobre todo, de medo, de moito medo.
Neste enlace de Pinterest que vos deixo máis aquí debaixo tedes un feixe de libros que constitúen un verdadeiro RE-MEDO CONTRA O ABURRIMENTO.
Algúns deles atoparedelos na exposición de libros de medo que con motivo do Samaín organizou a biblioteca. 
Disfrutádeos!!!
Follow Asun García's board O re-me do contra o aburrimento on Pinterest.

E para profes e familias poñemos a vosa disposición unha recompilación de recursos para disfrutar do Samaín.
Aproveitádea pinchando sobre a imaxe!!

mércores, 23 de outubro de 2019

CELEBRACIÓN DO DÍA DA BIBLIOTECA

Mañá 24 de outubro celébrase o "Día da Biblioteca".
 
O Día da Biblioteca xurdiu por iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil en 1997 e desde entón vence celebrando e toda España
 
 
Cada ano, a Asociación encarga a dúas persoas a elaboración dun pregón e dun cartel para conmemorar esta data.

 
Nesta ocasión o cartel foi deseñado polo ilustrador alicantino Miguel Calatayud, e o pregón foi escrito pola valenciá Gemma Pasqual, texto que traduciu ao galego Héctor Cajaraville.

Estou encantado de compatir con vós este fermoso cartel:



E por suposto déixovos o pregón deste ano para que poidamos lelo mañá todos xuntos :

A SEN CONTO

Non quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun Príncipe a devolvese á vida; nin que a salvase da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos sete ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun mozo; nin esperaba que san Xurxo a salvase do dragón. Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha madrasta, dun pai ou dunha fada boa.

E puxo os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu buscando refuxio ata converterse nunha sen conto. Era unha sen libro, unha sen papeis, non a querían en ningures.

Nunha casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba contra a corrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e se abandonou á súa sorte, de súpeto salvouna a capitá Pippi Långstrump, unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por Matilda, navegaban polo mar das letras para rescatar todos aqueles personaxes que se aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte sentido da xustiza e do deber de protexer os máis débiles.

Finalmente, despois de moitos atrancos, chegaron a porto seguro, o Porto da Biblioteca, o Paraíso do que lle falara Borges: un lugar cheo de tesouros afundidos, como lle dixera Virginia Woolf; unha nave espacial que a levaría aos recunchos máis afastados do universo; unha máquina do tempo que a transportaría ao pasado máis remoto e ao futuro más afastado; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa para ser a protagonista de todos os contos.

Longa vida ás bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto, das sen libro, das sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros.

TEXTO: Miguel Calatayud
TRADUCIÓN: Héctor Cajaraville